En Cualquier Otra Parte

En Cualquier Otra Parte

domingo, 2 de maio de 2010

Feliz día da nai, Mami =)

Nunca é doado comezar unha entrada. Moito menos se é tan importante coma esta, onde queres dicir tanto en tan pouco tempo e espazo.
Hoxe é un día de celebración. Celebro a decisión de formar unha familia, a decisión de renunciar a unha vida máis doada e cómoda a cambio de dúas máquinas de crear problemas, a decisión de dar unha parte de ti a outro ser. Celebro, tamén, un día 6 de setembro de 1963 (xa choveu...), cando todo comezou...



Ensináchesme a dici-la hora, a ata-los cordóns, a peinar e querer o meu complicado pelo (jajaja), a escolle-la roupa, a respetar, amar o que teño e o que fago, a rematar o que comezo, A FALAR (GALEGO), a escoller ós amigos que valen a pena, a abrirme a todas as posibilidades, a querer un pouco máis a Iria, a debuxar sen saírme das "veiriñas", a deixar de falar coa T, a nadar como unha campiona, a que, con esforzo, todo se consegue, a tirarme de cabeza á piscina, a amar os libros, a facer unha árbore de Nadal, a leva-la vida cun sorriso (aínda que o humor non é herencia túa)...



Estabas alí o primeiro día de gardería, de preescolar, de primaria, da ESO, de Bachiller, de Universidade (aínda que fora por teléfono)... Estabas na mudanza á miña nova cidade. Estabas nos partidos, nas exhibicións, nos concertos. Estabas nas victorias e nas numerosas derrotas. Estabas cando chamaba para que me levaras a algún sitio. Estabas para dicirme o que estaba mal, cousa que hoxe non podo agradecer máis. E fago toda este listaxe para que saibas que, aínda que non o pareza, lémbrome de todas as cousas boas que fixeches, e sigues facendo por mín.



Estaba pensando onte á noite no moito que me gusta o que son, estar onde estiven, facer o que fixen. E, se retomamos a miña vida dende o primeiro alento, decátome de que todo iso leva unha firma coñecida:
Son o que son porque me deixaches escoller como vivir a miña vida, estiven onde estiven e estou onde estou grazas a túa forma especial de ver o mundo, sempre dende unha boa e ampla (moi ampla) perspectiva, e fixen o que fixen e fago o que fago grazas a que ti sempre estabas alí para animarme e darme todo o que sempre precisei para chegar onde quería chegar.


Considérome unha persoa cun futuro bastante brillante, un ser de proveito tanto no profesional coma no persoal. Son unha boa amiga, boa estudante, boa persoa e, espero que boa filla. E por todo iso douche as grazas. Porque sei que non foi un camiño doado e porque aínda queda moito por recorrer.


http://www.youtube.com/watch?v=53sZaayT0hc

P.D: Sei que todo isto soaría moito millor fai uns minutos, cando te chamei para felicitarte en persoa, pero sabes que as sensiblerías e confesións importantes non son a forte das túas fillas (outra vez herencia de papá)